Friday 03 de May de 2024

O actor e poeta Viggo Mortensen e a Premio Reina Sofía Gioconda Belli, no novo trimestre do ciclo POETAS DI(N)VERSOS


A programación comezará o vindeiro 16 de outubro ás 20.00 horas no Centro Ágora, coa luguesa Nieves Neira e a estoniana Kai Aareleid

O ciclo, organizado polo Concello en colaboración coa poeta e Premio Nacional de Poesía 2023, Yolanda Castaño, está consolidado como a única cita estable de España que acolle poetas internacionais de xeito regular

O ciclo POETAS DI(N)VERSOS retoma a súa actividade no último trimestre do ano para presentar algunhas das máis interesantes poéticas mundiais a carón de autores e autoras en galego. O actor e poeta Viggo Mortensen será un dos tres escritores internacionais que se darán cita no Centro Ágora, ao que se sumarán a estoniana Kai Aereleid e a nicaragüense Gioconda Belli.

O ciclo de encontros, impulsado polo Concello da Coruña, foi fundado e dirixido pola poeta e xestora cultural Yolanda Castaño, recentemente recoñecida co Premio Nacional de Poesía 2023. Trátase dunha cita de referencia na programación cultural e literaria do país, iniciada no 2009, pola súa programación poética estable, plural e de alta calidade baseado en lecturas poéticas públicas na voz dos seus autores e autoras. POETAS DI(N)VERSOSsúmase a outras iniciativas nas que colabora o Concello da Coruña con Castaño como a

Residencia Literaria 1863 para a estadía creativa na cidade de autores/as de distintos países do mundo ou chegados doutros puntos de España.

O último trimestre do ciclo de Poetas Di(n)versos comezará o vindeiro luns 16 de outubro ás 20.00 horas, no Centro Ágora. A cita será entre a luguesa, Nieves Neira e a estoniana Kai Aereleid, que ofertarán un recital aberto e gratuíto. Á cita de outubro seguiralle o recital de Viggo Mortensen e Xosé Iglesias. Un encontro no que o actor americano compartirá co público unha escolma das súas composicións ao tempo que reflexiona sobre a dualidade profesional, cualidade que comparte co mariñeiro ceense.

A última das conversas será entre Andrea Nunes, natural de Marín e premio de poesía erótica Illas Sisargas no 2017 xunto con María Rosendo; e a nicaragüense Gioconda Belli, Premio Reina Sofía de Poesía neste 2023. Ambas activistas feministas abordará a cuestión da creación literaria dende unha perspectiva de xénero o luns 4 de decembro, tamén no Centro Ágora.

Máis información das poetas

Nieves Neira Roca (Lugo, 1983) é unha xornalista e escritora, premiada co Johán Carballeira XVII no 2020. Como poeta publicou Neve de agosto (Chan da Pólvora, 2022) mais o seu traballo poético tamén viu a luz en colaboración con artistas de distintas disciplinas, como Carla Andrade, Sabela Mendoza, Luís López Alonso, Olalla Caamaño e Cris Vilariño ou Rafael Mallo, así como coas integrantes da asociación luguesa de artes escénicas 3 monos. É coautora do libro O feitizo de Maruja Roca (2020). É ademais colaboradora da Fundación Uxío Novoneyra, figura sobre a cal centrou a súa tese de doutoramento en teoría literaria.

Pola súa banda, a estoniana Kai Aareleid (Tartu, 1972) é unha premiada escritora e tradutora estoniana. Escribiu novelas, contos, poesía e obras de teatro, traducidas e publicadas en varios idiomas estranxeiros. Entre os poemarios da súa autoría, salientan por exemplo Naised teel [Mulleres en camiño] ou Vihm ja vein [Choiva e viño].

Ademais da súa carreira como escritora, Kai Aareleid é unha prolífica tradutora literaria do finés, inglés e español. Traduciu a estoniano autores como Bruce Chatwin, Paavo Haavikko, Javier Marías, Enrique Vila-Matas, Roberto Bolaño ou Jorge Luis Borges entre outros.Tamén traballou como editora e axente literaria, foi mentora de tradutores/as emerxentes e impartiu cursos de tradución a estudantes universitarios/as.

Coa programación do ciclo Poetas Di(n)versos, o Goberno de Inés Rey mantén a súa aposta polo posicionamento da Coruña como referente literario reunindo a poetas internacionais e os principais nomes da escena galega cun ciclo único en España.